ENRIQUE BARRERA BEITIA Neste 5 de febreiro cumprirase o primeiro aniversario do falecemento de Carmelo Teixeiro Menéndez, fundador do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol e con tal motivo, o sábado 7 celébrase unha ofrenda floral no parque próximo á ermida de Santa María de Caranza, onde se plantaron tres carballos no seu recordo. Militei en movementos sociais e mantiven un certo grao de compromiso político, podendo observar desde esta dobre perspectiva o comportamento moral de numerosas persoas, ás veces decepcionante e ás veces, entrañablemente aleccionador. Non podo presumir de ser quen máis trataba e coñecía a Carmelo, pero podo afirmar que nunca atopei a unha persoa máis tenaz na defensa das súas ideas, até o punto que é opinión unánime que o movemento social que defende a nosa Ría e a seguridade dos seus habitantes non se concibe sen a achega do seu liderado natural. Da firmeza do teu compromiso, só lamento que teña como efecto secundario o de ocultar a túa achega en defensa da Liberdade e da Democracia, como destacado sindicalista nos anos sesenta, baixo o franquismo, e como fundador da UGT ferrolá. Nun acto celebrado no Centro Cultural Carballo Calero, vimos a Carmelo enfilando a recta final da súa vida. A enfermidade non lle quería perdoar e, consciente diso, díxonos: - Verei como pechan Reganosa, non o verei cos meus ollos, pero o verei cos vosos.
Nós, que nos miramos no teu espello, loitamos para cumprir o teu desexo. Veralo cos nosos ollos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario