"O roubo das pensións"
YOLANDA DÍAZ Quérennos roubar as pensións con palabras de medo e informes falaces. Hai que botarse á rúa para que non nos deixen nela, baixo as xélidas pontes da precariedade e a privatización, os señores que teñen contratos blindados e soldos fabulosos, ministros de ocorrencias que sempre caen no lombo das e dos traballadores, xefeciños do Banco de España, obsecuentes capataces da OCDE...sempre dispostos a impor medidas á maioría social traballadora, medidas que eles non se aplicarán endexamais. Ataque contra a clase traballadora que conta co indisimulado e cómplice apoio da patronal e da súa expresión política máis acabada, o PP. Este vindeiro martes, 2 de marzo, imos saír ás rúas, sindicatos, partidos, organizacións políticas e sociais para argumentar coa forza formidable da unión e das razóns, que non queremos que nos conten mentiras, contos que somentes serven para engordar o bandullo do capital financeiro, interesado en meterlle o dente ás nosas xubilacións e ó Fondo de Reserva, que incrementou neste moi duro ano as súas reservas en máis de 8.000 millóns de euros. A viraxe cara á dereita do goberno ZP só lle vai abrir as portas, a modo de cabalo de Troia, ao PP. Non hai que darlle moito os miolos para decatarse. En troques desa fea viaxe antisocial na que se embarca máis e máis este goberno, Esquerda Unida na rúa, mobilizando, proponlle ao goberno outro itinerario, fermoso e ousado, ao carón das e dos traballadores, baseado no respecto e ampliación dos nosos dereitos sociais.(*) Yolanda Díaz é portavoz de Esquerda Unida
Publicado en el Diario de Ferrol
No hay comentarios:
Publicar un comentario