Desde as organizacións ecoloxistas, medioambientalistas e cidadás que presentamos ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE EXPLOTACIÓN MINEIRA e que convocamos as primeiras mobilizacións contra este espolio da natureza, queremos transmitir a toda a cidadanía a importancia de conservar este enclave situado a poucos metros do Parque Natural das Fragas do Eume, onde nace unha das fontes do Río Belelle, e entre outras maravillas atopase unha fraga de especies autóctonas que dende logo merece gozar da mesma protección que o propio Parque.
Consideran que dito documento non é de recibo, xa que está cheo de érros e incongruencias, e ademais sorprende que despois de ser rexeitado pola anterior Consellería de Medio Ambiente, agora se lle pretenda dar luz verde ao proxecto sen que sufrira modificacións significativas. Consideramos que se aplica aquí o principio do “rodillo” administrativo para favorecer os intereses privados dos promotores da explotación, pasando por riba da lexislación ambiental, tanto autonómica como estatal e comunitaria.
Os mesmos perigos ambientais seguen presentes no proxecto. Así, de levarse a cabo, suporía a destrución definitiva e irreversible do nacemento do Río Belelle. Neste senso, non se cumpren os requisitos que establece o Real Decreto 2857/78 que aproba o Regulamento Xeral para o Réxime da Minaría [2]. Este decreto, no artigo 3 dispón: “No podrán abrirse calicatas, efectuar sondeos ni hacerse labores…a menos de cien metros de alumbramientos, canales, acequias y abrevaderos o fuentes públicas”.
Este proxecto afectaría moi negativamente á cantidade e á calidade das augas bombeadas do río Belelle na estación de captación feita polo Concello d'A Capela, a moi pouca distancia augas abaixo da localización da citada mina, para abastecer de auga potable a todo o Concello d'A Capela e á parte alta dos concellos de Fene e Cabanas. Hai que lembrar que tamén os concellos de Neda e Ferrol se abastecen da agua procedente do Belelle. Segundo o artigo 60 da vixente lei de augas [3] o abastecemento de poboación ten preferencia sobre calquera outro uso, de aí o risco para as poboacións da posta en marcha da mina no citado emprazamento.
Por outra parte, a zona afectada é refuxio dunha flora e fauna de grande riqueza. Así, nas beiras do rego Cernadas, apréciase a presenza do felgo macaronésico Dryopteris aemula (especie que figura como VULNERABLE no Catálogo de Especies ameazadas de Galicia ), así como especies de liques do xénero Usnea, indicadores de boa saúde atmosférica.
Por outra banda, a zona de explotación sitúase xusto sobre unha fraga autóctona de máis de 25 hectáreas que tamén desaparecería, polo que resultan intolerables afirmacións do tipo “da análise ambiental non se desprenden afeccións a espazos naturais protexidos ou compoñentes significativos da biodiversidade”, cando é de todo punto sabido que as fragas representan en Galicia a grande reserva para a biodiversidade, así como que o seu número e extensión diminúen día tras día debido á expansión de cultivos forestais con especies alóctonas como o eucalipto. Ademais dita fraga está incluída na Proposta de Ampliación da Rede Natura, polo que mentres non se decida sobre dita ampliación este espazo debería permanecer libre de agresións.
Tamén resulta digno de ter en conta, dende o punto de vista da conservación, que o Monte Fontardión, a cuxo pé se atopa a zona que se pretende explotar, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural das Fragas do Eume e o L.I.C. Xubia-Castro, condición que desaparecería de levarse a cabo a explotación.
Por outra banda, o espazo previsto como entulleira sitúase xusto sobre o rego Manciñeira, tributario do Eume, o cal supón un deterioro tamén da súa cabeceira e un perigo constante para a calidade das augas, tanto por emisións de pó e de lixiviados, como pola posibilidade de rotura das balsas de decantación. Asímesmo, o presunto espazo de amortecemento de 50 metros respecto aos límites do Parque Natural que aparece no E.I.A. resulta claramente insuficiente para frear as emisións de pó, de gases e de ruídos, que acabarían afectando sen dúbida ao espazo protexido, así como ás vivendas colindantes.
Asemade, as organizacións mencionadas consideran que esta declaración de impacto ambiental entra en conflito co establecido na Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos [4], que establece nos seus principios xerais, artigo 1º: “Declárase prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, que inclúe a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado”. Igualmente no artigo 2º establece: “Declárase, así mesmo, obriga das administracións públicas galegas garantir a súa protección, conservación e mellora”.
Semella que neste caso a administración autonómica ambiental está máis preocupada de garantir os intereses económicos dos promotores da mina que de atender ás súas obrigas legais de protección do medio ambiente.
Por último, as organizacións asinantes consideran que a apertura da citada mina suporía tamén a perda dunha contorna que atesoura non só grandes valores naturais, senón tamén culturais e antropolóxicos (muíños, rueiros, acueductos, soutos, regadíos, etc.)
No hay comentarios:
Publicar un comentario