Placeme poder poñer hoxe o primeiro artigo da amiga Lucía.Publicado en Xornal de Galicia.com
Parabéns Lucía :)
Salvador Sostres é contertulio habitual do programa 'Alto e Claro' que ofrece a canle Telemadrid. O 11 de novembro, nunha conversa antes de comezar o programa, comparou as mulleres maduras coas novas nos seguintes termos: “as de 17 e 18 anos están no seu punto máxico de tensión sexual dado que non cheiran a ácido úrico. Están limpas e teñen olor a santidade: son doces coma a nata e con carnes que rebotan”. Aínda que a moderadora Isabel San Sebastián tentou deter as súas afirmacións, el proseguiu explicando que “isto xa comeza có primeiro rasurado, cando queren amosar que están liberadas, que son maiores”.
O público menor que alí se atopaba formábano rapazas e rapaces convidados polo Instituto Cervantes, e que estaban a ouvir claramente o monólogo. A presentadora tentou desviar o tema apelando a que lle respostaran sobre a súa orixe: de Cataluña, Cádiz e Marrocos. Sostres referiuse a estes últimos con sorna e desprecio preguntando “se viñan dalgunha ONG”. Con fachenda e bravuconería, proseguiu engadindo que “o matrimonio é o sexo por obligación”.
Estes feitos acó descritos non foron emitidos por Telemadrid, mais si filtrados á prensa través de Internet. Logo de varios días, podemos referir con maior claridade as declaracións que o acontecido suscitou en diferentes medios:
- Os sindicatos de Telemadrid pediron a súa destitución inmediata.
- O Comité de Empresa considera inadmisible estes comentarios “machistas, racistas e sexistas”.
- O portavoz do grupo de conselleiros socialistas en Telemadrid, Eduardo Sotillos, pediu á cadea pública o cese dos tertulianos que realicen declaracións “sexistas, machistas e xenófobas”.
- Na mesma liña declarou o vicepresidente primeiro do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, tildando de vomitivas as declaracións, e considerando que eran incompatibles coa televisión pública.
- Dende o Instituto da Muller solicitouse aos medios de comunicación que non se dea cobertura a quen non respeta ás mulleres.
- O Defensor do Menor, Arturo Canalda, indicou que esas afirmacións suscitan que se lle abra expediente, posto que “alguén que crea opinión non pode actuar así”.
- Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, salienta o aspecto privado das mesmas liberándoas de peso “pois son iso, conversas privadas”.
- En troques, o secretario de comunicación do PP, Esteban González Pons, nunha entrevista coa cadea Ser, referiuse a esta polémica apuntando que “non vale coma excusa” a afirmación de que Sostres expresase as opinións a micro pechado.
- Nas redes sociais, o mesmo día da filtración xa comezaron os envíos do video en cuestión. Abriuse un grupo no facebook que conta con máis de 2000 seguidores denominado “Sostres á rúa polos seus comentarios en 'Alto e Claro'”. Engadindo a continuación que “a súa muller estará orgullosa de el”.
O aludido, Salvador Sostres, defendeuse das acusacións no xornal El Mundo, onde é colaborador. Tentou xustificarse aducindo “tropelia e indecencia”, argumentando que se trataba dunha conversa privada pertencente á súa liberdade de expresión.
Coma vimos, as declaracións provocaron bastante reboldo, réplicas e aclaracións dun e doutro lado. Mais:
a) O individuo segue a ser comentarista de Telemadrid e esta canle só tomará medidas contra os responsables da filtración. Xa se sabe, “mata ao mensaxeiro”.
b) Conseguiu autobombo e có aumento da publicidade as vendas da súa próxima novela incrementaranse.
c) Respecto ao “cuestión legal”, como non está acusado de delito, non se pode levar o caso á Fiscalía. Simple chamada de atención e tirón de orellas.
E eu non sei ata que punto será eticamente honroso entrar a comentalas e analizar o “circo mediático” que creou ese suxeito, posto que, visto o visto, non o faría a mantenta?
Quizais sexa dos que non dá puntada sen fío.
This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio
No hay comentarios:
Publicar un comentario