13 Mayo 2011 | Lucía F. López Pérez
El Catón Compostelano
En Teis (Vigo) asistín á reunión da conformación da primeira Mesa de Converxencia Cidadá na cidade olívica. Para o acto desprazáronse dende Ferrol tanto Manuel Ángel Rodríguez Carballeira como Rafael Pillado. Foi un pracer ouvilos. Ámbolos dous son posuidores dunha alongadísima traxectoria no movemento obreiro e sindicalista real: solidarizándose e axudando aos compañeiros de traballo dende a época franquista.
Co acto seguíase o ronsel de varias cidades (Ferrol, Madrid, Puertollano, Valencia…) onde as Mesas xa están presentes e comezan a dar os seus primeiros froitos. Partindo do descrédito actual das organización sindicais e partidos políticos maioritarios é importante sinalar que as Mesas de Converxencia non se identifican con ningunha sigla.
Aos individuos que as conforman úneos a consideración de que o modelo neoliberal (ou capitalista actual) é sumamente inxusto. Así, as mesas nacen coma resposta fronte a ditas inxustizas: recortes sociais, estafas financieiras, submisión dos poderes representativos fronte aos “mercados”… O único denominador común e ideolóxico das membras e membros é a consideración propia de “tratar de converxer”. Parafraseando a Juan Torres López, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Sevilla “O feito de tratar de converxer é un imperativo moral e da intelixencia política máis elemental.”
As Mesas anceian establecer lazos e unións entre as persoas, rachando o individualismo que resta poder e capacidade de resposta; pártese da base que é o grupo e a unión o que che dá a forza. Persegue catro obxectivos fundamentais: a creación de espazos de comunicación, preocupación-significativación e proposición de solucións ante situacións concretas do entorno local, tentativa de conexión con todas aquelas iniciativas de loita e protesta contra unha saída regresiva á crise á vez que buscan a creación de lazos e complicidades entre as membras e membros.
É de salientar que polo de agora nas localidades onde están presentes apoiaron a algunha das moitísimas familias desahuciada ás que nin sindicatos nin partidos políticos dan resposta (esixindo moratorias de pago aos bancos, revisións das débedas, creando salarios sociais de urxencia, etc.).Estímase que son máis de 300.000 no Estado Español e ao redor de 23.000 na Galiza. Estamos a falar de cifras demoledoras.
Unha nai de familia desahuciada forma parte da Mesa de Vigo que vén de se crear. Ela explicaba que a necesidade de sentirte respaldada é esencial. Cando un ERE che deixa sen nómina coa que respostar á banca e perdes túa casa, sénteste terribelmente culpábel e avergoñada. Criminalízase á víctima nesta sociedade do éxito e ostentación.
O chamamento á converxencia e á acción está colgado na páxina http://www.redconvergenciasocial.org/. Ou tamén a través do Facebook baixo o perfil “Mesas De Converxencia Galicia”.
Creo que debemos tomar parte.
This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio
No hay comentarios:
Publicar un comentario