MANIFESTO-"A NOSA COLLEITA PARA SOMALIA"- Por José Torregosa
Os alemáns, tras a Segunda Guerra Mundial, apresuráronse a xustificárense ante un mundo horrorizado: eles non sabían nada dos campos de exterminio, "da solución final", até, se nos apuran, da existencia dun Hitler e dun III Reich.
Hoxe nós, non podemos ignorar os estragos, os desbastadores efectos que o Colonialismo, ladrón e asasino, ocasionou e segue ocasionando en África? Como epicentro deste estado de masacre, sinalamos o seu Cono Sur, onde a morte por fame -a peor das torturas-, a miseria baixo cero, son os sinais de identidade de miles e miles de criaturas inocentes dun continente invadido e saqueado con coartadas "civilizadoras", onde, alén diso, se produciu un - "divide e vencerás" - unha sistemática operación de enfrontamento de etnias para o seu mellor dominio e aniquilación.
Para maior escarnio á decencia e á razón universais, os seus voceiros mediáticos coidáronse de presentar a presente situación de holocausto como unha "normalidade" inevitábel: eses nenos que morren seis por minuto, á nosa hora de xantar, nos telexornais, apareceron aí e así deben ficar. Para ese crime non hai motivo, solución ou responsábel: non son alguén que nos deba preocupar. O que acontece, recordábanolo Arthur Miller, é que, tamén son fillos nosos e se o consentimos quizais nun mañá distante os fillos que nós xeramos se arrastren sobre o asfalto en busca dun codelo, dunha gota de auga; ou convertidos en meniños-soldado maten e morran ao servizo dos intereses bastardos daqueles que, onte, aboliron a escravitude porque non era rendíbel e a substituíron polo liberalismo...
Estamos na hora de actuarmos, de organizármonos, de demostrarmos que, por moito que o intenten, non conseguirán anular a nosa capacidade de conciencia solidaria.
Denunciamos hoxe o espolio de África, continente de riqueza e de cultura; o seu infame sacrificio para alimentaren co suor do seu rostro, coas súas bágoas, co seu sangue, o ventre insaciábel da Besta Imperialista. Nós non queremos ser "bwanas", amos brancos, senón compañeiros/as dese pobo, deses pobos, na súa loita pola dignidade, e cooperantes activos nas súas necesidades.
O que hoxe esiximos, antes de que a Humanidade se vexa na obriga, na súa vesania, a mudar de nome, pasando a chamarse doutra forma, é a fin da explotación, a devolución dos bens subtraídos e a reparación de séculos de ignominia.
A vós que nos escoitades, aquí ou en calquera outra localización, pedímosvos apoio, axuda, alento...Isto só será posíbel a través dunha toma de conciencia e dunha certeza: ao axudarmos o Cono Sur de África estamos a construír o noso propio camiño á coherencia e á dignidade, unicamente posíbeis cando os Dereitos Humanos máis elementais alcancen a toda a humanidade.
No 50 aniversario do asasinato en Katanga de Patricio Lumumba, artífice da independencia congolesa queremos lembrar unha frase del que sinala nitidamente as coordenadas de toda esta traxedia: «Ningunha brutalidade, maltrato ou tortura me someteu, porque prefiro morrer coa cabeza en alto, coa fe inquebrantábel e unha profunda confianza no futuro do meu país, a vivir sometido e pisando principios sagrados. Un día a historia xulgaranos, pero non será a historia segundo Bruxelas, París, Washington ou a ONU senón a dos países emancipados do colonialismo e os seus monicreques».
África, o seu Cono Sur, no corazón e a cabeza. Cos pobos africanos. Contra o imperialismo. Contra a explotación. África somos todos!!!
José Torregrosa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario