1. A Asociación Lazos Pro Solidariedade non desexa entrar en confrontación directa co goberno local, dado que os obxectivos nas políticas sociais deberían ser comúns e a situación actual requiriría dunha resposta coordinada e conxunta entre as Administracións Públicas e os axentes sociais, entre os que se encontran as ONGs.
2. Non é certo que os criterios técnicos motivaran a redución da partida presupostaria da Xunta de Galicia, no ámbito do VIH. No Diario Oficial de Galicia (DOG) Nº 104, de venres 1 de Xuño de 2012, e na súa páxina 21235 (esta información é pública), pódese comprobar tanto a resolución dos subsidios, como que o proxecto presentado pola nosa entidade, ten a segunda mellor puntuación técnica (719), de entre 31 proxectos presentados, e de outras tantas entidades galegas. A redución da Xunta de Galicia neste ámbito, obedece á redución da partida económica destinada a proxectos de investigación/acción no ámbito do VIH e aos criterios de reparto dos subsidios, contemplados nas bases. É dicir, a redución de axudas públicas desta Administración autonómica, débese a que se reduciu a partida con respecto a anos anteriores , e non a criterios técnicos.
3. A entidade non reclama 7.000 € ao Concello de Ferrol. A entidade insta e solicita ao Concello de Ferrol, a que se faga cargo na súa totalidade o en parte, da partida que necesita a organización para continuar ofrecendo os servizos que viña prestando, e nas mesmas condicións nas que se viñan realizando ata agora.
4. Nos catro últimos exercicios, a entidade recibiu por parte do Concello de Ferrol, importes superiores a 3.000 euros anuais por diferentes conceptos. Foran estes, como premio, como subsidio, como convenio o como prestación de servizos. Si algunha destas axudas recibidas ten consideración de “excepcionais”, do mesmo xeito pódese considerar a situación que está a vivir un sector da poboación, que é atendida na nosa entidade. A poboación máis vulnerable e, polo tanto, a que máis recursos e protección social necesita.
5. Respecto ao abono do aluguer do local da organización, por parte do Concello de Ferrol, obedece a un acordo da anterior corporación municipal, formalizado no 2010, e ratificado polo actual goberno local. A primeira demanda dun local municipal, por parte da nosa entidade, data do ano 2003, motivada polas condicións nas que se encontraba a anterior sede, e porque as instalacións no contaban co espazo suficiente para o desenvolvemento normal das nosas actividades. A nosa entidade mostrou en todo momento a súa preferencia polo uso de locais públicos, o que non puido ser posible, por non existir entón, nin agora, un censo de locais de titularidade municipal.
6. A entidade no afirmou en ningún momento que o Sr Rey Varela, negara sistematicamente as reunións coa nosa asociación. A entidade declara que as solicitudes de reunión co actual rexedor, presentadas segundo a lexislación vixente, non foron atendidas, ata este momento.
7. A estes medios de comunicación, tamén Dña. Rosa Martínez Beceiro, afirma que a nosa entidade debe “adaptarse e priorizar”. Ao respecto non podemos estar máis en desacordo con esta afirmación. A nosa entidade leva adaptándose e priorizando desde a súa fundación.
A Asociación Lazos, como moitas outras, ven desenvolvendo sempre os programas, proxectos, servizos e actividades con orzamentos e recursos moi por debaixo do que sería recomendable, técnica e economicamente falando. Como exemplo, podemos destacar que no ano 2011, a entidade non desenvolveu un proxecto de prevención do VIH, de apoio social e de achegamento a persoas usuarias de drogas inxectables que permanecen desvinculadas da rede normalizada de recursos, en contextos de consumo. Este proxecto, era o único da zona destas características, e no que se interviña cunha poboación totalmente desprotexida, tanto desde o nivel da prevención da saúde, como desde o punto de vista social (poboación oculta). A entidade tamén deixou de ofertar o servizo de Traballos en Beneficio da Comunidade, como alternativa á prisión, desde xuño do presente ano. Este servizo-programa, desde os seus inicios (2006), non contou con financiamento algún, a pesar de que a entidade ten sido pioneira na nosa cidade en ofrecer este servizo, de ser premiado como proxecto solidario Concello de Ferrol, no ano 2009 e onde a demanda é moi superior á oferta de centros e prazas destinados a tal fin. E así tantos outros programas, proxectos, servizos e actividades que se están deixando de realizar para priorizar e optimizar os recursos existentes que, como dicía anteriormente, sempre foron mínimos.
Son ás prioridades, ás que lle quero dedicar as últimas palabras:
Cando falamos de priorizar, hai que ter extremo coidado, pois podemos correr o risco de que priorizando xeremos máis brecha na desigualdade.
As situacións dramáticas que se están producindo necesitan que a aposta das Administracións Públicas, especialmente na área dos Servizos Sociais, sexa firme e dispoña da máis ampla cobertura. Ademais, esta aposta debería contar e desenvolver un plan estratéxico con obxectivos e indicadores avaliábeis, de forma que se poda coñecer o impacto de dito plan a curto, medio e longo prazo, para modificar, mellorar ou cambiar as políticas, si fose necesario.
En canto a este exercicio, descoñecemos si se firmaron ou non, os convenios entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol, na área de drogodependencias. O convenio entre estas administracións, a través da FEGAMP, podería posibilitar un acordo de colaboración entre a nosa entidade e o Concello neste ámbito, que implicaría o mantemento e continuidade de todos os servizos que viña prestando a entidade.
Por último, volver a mencionar que a entidade necesita uns 12.000 euros, ata final de ano, para poder continuar cos programas, proxectos e servizos que viñamos desenvolvendo ate agora.
Estas son as desafortunadas e manipuladas declaracións a que se refire Carlos Varela, feitas por José Manuel Rey Varela, polo de agora Alcalde de Ferrol
Diario de Ferrol: O goberno Local defende as súas políticas sociais
This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio
1 comentario:
O super concelleiro Guillermo Evia acaba de adxudicar un novo proxecto para deseñar como vai ser o mobiliario urbano no Barrio de Madalena ( Xa había un) por un custo de 47.000 euros. Ten manifestado Guillermo Evia que o mobiliario custará máis de un millón e medio de euros. O novo proxecto do Parque Municipal(Xa había un) custará 50.000 euros. No novo proxecto da Praza de España (Xa había un) gastou 58.000 euros. E logo non hai cartos para o Comité Antisida-Lazos.
Canto diñeiro destinou o concello de Ferrol para a etapa da Volta Ciclista a España?
Publicar un comentario