10 oct 2012

A CIG DENUNCIA A CAMPAÑA DE ATAQUES DA QUE ESTÁ SENDO OBXECTO POLO PP

“Pola boca morren estes peixes”

Aínda que a intransixencia, o autoritarismo, a manipulación e o exercicio do poder de forma despótica, sempre formaron parte do ADN da dereita española, pois como tal consideramos ao PP de Galiza, parece que non as deben ter todas consigo de cara ás eleccións que se celebrarán o vindeiro día 21 de outubro. Ata agora sempre nos presentaron estes sinais de identidade nun envoltorio de papel de celofán, cunha apariencia “políticamente correcta” nas formas, incluso cando nos estaban anunciando todas as medidas que, no tempo que levan de goberno, non fixeron máis que recortar dereitos e degradar as condicións de vida das clases populares, en beneficio duns poucos privilexiados que son, precisamente, os culpables da crise na que se agachan para facelo: maquillan e manipulan as cifras obxectivas que poñen ao noso país nuns níveis de déficit, desemprego, emigración e pobreza como nunca antes se deron; desmantelamento e privatización de servizos públicos esenciais, como a Sanidade, a Educación e os Servizos Sociais; desmantelamento dos nosos sectores productivos, tanto no sector primario como industrial; aniquilación dun modelo propio de financiación e salvagarda do aforro cidadán; renuncia ás nosos sinais de identidade, como a lingua, etc.

Mais, parece que está a xurdir un certo nervosismo nas súas filas, a xulgar polas actitudes que están adoptando nas últimas datas. É tal o cúmulo de despropósitos que dá a sensación de que estiveran dando paus a todo o que se move ao seu redor sen atinar coa “piñata” por non quitarse o pano que seguen a ter nos ollos.

Comezan restrinxindo as liberdades a través dos medios de comunicación que teñen baixo o seu control, algúns deles públicos, suben outro escalón a golpe de leis e decretazos que restrinxen dereitos sociais e, o que é máis grave e supón un salto cualitativo que non podemos consentir, recurren ao uso da forza, tratando de calar o descontento e o dereito a manifestalo, por medios represivos a través dos corpos policiais, tanto de carácter estatal, como local, poñéndoos ao seu servizo e non ao da cidadanía. Os acontecementos da noite de comezo de campaña son un claro exemplo da desproporción das actuacións na rúa, e o trato do que un dos Portavoces Comarcais da CIG foi obxecto na comisaría mentres permaneceu incomunicado. Pero isto xa está denunciado e agardamos a que se faga xustiza e se depuren as responsabilidades que correspondan, primeiro polas autoridades xudiciais, e logo polos/as responsables políticos.

E diante de todo isto, aínda temos que soportar desde a CIG ameazas, falsas acusacións, e declaracións que, de non ser polo preocupante mensaxe que transmiten, poderíanse tachar de “grotescas”. Non imos entrar a comentar as palabras do Presidente da Diputación, nin tan sequera as do Alcalde da Coruña (moi democrático el), que fala de ERRADICAR OU AILLAR a CIG como organización sindical en Galiza. Parece que lles molesta esta pedra no seu zapato. 

Querémonos centrar hoxe, pola relación directa coa nosa comarca, no Sr. Miguel Tellado Filgueira, ata hai pouco asesor do Alcalde de Ferrol e candidato a estas eleccións, que chegou a declarar nos medios de comunicación que a CIG está doída “porque desde que goberna o PP puxemos aos seus liberados a traballar”. Para ser tan novo xa lle está xogando malas pasadas a memoria.

Será que o tren de lavado polo que o pasaron no PP “limpou” da súa breve biografía todos os residuos que lle quedaran da súa etapa como traballador. Si, o Sr. Tellado, que agora ten a condición de “liberado” que tanto critica, polo PP, foi traballador hai algún tempo. E, como a grande maioría da xente que exerce esa condición, pasou por un despedimento na empresa en que traballaba, alá polo ano 2001. E daquelas, cando tivo problemas con ese despedimento, a súa valoración da CIG era ben distinta, pois O SR. MIGUEL TELLADO FOI AFILIADO DA CIG DESDE A 12 DE NOVEMBRO DE 2001 ATA O 3 DE SETEMBRO DE 2012, iso si, o tempo necesario para que a nosa Asesoría Xurídica lle levase ese proceso, do que cobrou a correspondente indemnización e do que, por certo, aínda estamos agardando que nos pague a parte que lle correspondía como porcentaxe polo servizo prestado. E non é o único caso. Outros cargos de confianza do PP, incluso da súa familia, foron afiliados da CIG cando tiveron necesidade de que alguén os asesorara e defendera os seus dereitos laborais.

Auguramos un mal futuro na política para esta persoa que, baixo esa apariencia de “majo” e bo rapaz coa que nos tivo enganados tanto tempo (pero mal pagador, iso si), estase a estrear con constantes saídas de ton e un atrevemento temerario ao atacar a una organización sindical que ten o aval neste intre dun amplo sector da clase traballadora, sendo a máis representativa na comarca e co maior número de afiliados/as. E iso é, entre outras moitas cousas que teñen que ver co noso modelo sindical porque, en efecto, esa representatividade deunos o dereito e o recursos suficientes para ter avogados/as, delegados/as e liberados/as sindicais QUE NON SÓ TRABALLAN, SENÓN QUE O FAN BEN, PARA RESOLVER PROBLEMAS COMO O QUE EL TIVO CANDO ACUDÍU Á CIG PARA RESOLVELO.

Quédalle moito que aprender ao Sr. Tellado para chegar a ser un bo político, e con este tipo de cousas non vai acadar a confianza nin o creto suficiente para manterse. Aconsellámoslle que comece por aplicar ese proverbio chinés: “ non digas nada a non ser que o que menciones sexa mellor que o silenzo”. Comeza vostede ben, Sr. Tellado. Agardamos que non teñamos a desgraza de que o goberno que saia das urnas o vindeiro día 21 conte con persoas da súa catadora moral, da súa soberbia e, por que non dicilo, da súa ignorancia.

Ferrol, a 9 de outubro de 2012

Asdo.: XOSÉ LUIS RIVERA JÁCOME Responsáble de Organización da CIG.

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio

No hay comentarios: