9 abr 2013

Concentración en repulsa aos novos contratos de explotación do P€P€.

O vindeiro xoves, ás 19:00 h, Concentración na Plaza de Armas

Convoca: CIG

A CIG vén de acordar convocar concentracións en todas as cidades o vindeiro xoves, día 11 de abril, para manifestar a oposición da central sindical ás reformas aprobadas polo goberno no último mes. Reformas como o decreto para a contratación da mocidade; a autorización ás mutuas para dar altas de enfermidade; a das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e o recorte do dereito ao subsidio para maiores de 55 anos, que considera que provocarán máis pobreza e discriminación entre a clase traballadora.

So pretexto de favorecer a contratación de menores de 30 anos o Goberno de Mariano Rajoy autoriza, con carácter xeral, a contratación de menores de 30 anos con salarios inferiores a 500€ e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego.

Non satisfeito con isto, o Goberno ofrece a cambio importantes axudas ás empresas, ás que permite facer estes contratos para os que a CIG denuncia que previamente despedirán a outras/os traballadoras/es por calquera causa. “Poderán substituír a un/unha traballador/a antigo/a e maior por varios novos, precarios e baratos”.

Permite ademais ás ETTs facer estes contratos baratos e pagar con diñeiro público a empresas privadas que os xestionen en substitución do INEM.

Mutuas dando altas por IT

O Goberno xa presentou un borrador de decreto para que as mutuas dean altas nas IT por enfermidade. Deste xeito, o criterio parcial e interesado das mutuas precipitará a alta de persoas que non estean curadas, co risco para a saúde e maior indefensión ante un despedimento, por non estaren en condicións de traballar.

Reforma das pensións

Con esta nova reforma aumenta a idade para xubilarse anticipadamente e penalízanse os coeficientes de tal xeito que o desconto na pensión é moito maior, aínda que non sexa por causa imputada ao traballador ou traballadora. Aquelas persoas maiores despedidas ou afectadas por un ERE de extinción ou peche de empresa que non atopan traballo serán as especialmente castigadas.

Afectará tamén a traballadoras/es dos oficios máis duros e sempre tamén con menor salario que teñen limitacións físicas ou incapacidades e que non poden seguir traballando.

O ano pasado o PP xa reformou o subsidio daquela para maiores de 52 anos, elevouno a 55 e reduciu a cotización para a pensión. Agora deixarán a centos de miles de traballadoras/es se poder cobrar esta prestación e sen cotización para a pensión ao exixírenlles unha renda familiar inferior a 967€.

Para a CIG isto é un ataque “ás/aos pobres, ás/aos desempregadas/os, á clase traballadora, reducindo gasto social para darllo á banca, aos seus amigos, aos ricos, para alimentar a corrupción no seu propio partido”.

Fonte: CIG

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.

No hay comentarios: