18 feb. 2014

Folga e manifestacións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convoca a un paro en rexeitamento á LOMCE e os recortes, para o vindeiro xoves, día 20 de febreiro.

Manifestacións en Galicia:

A Coruña: Praza de Vigo, ás 12.00 hs.

Carballo: Praza do Concello, ás 12.00 hs.

Cee: Praza 8 de Marzo, ás 12.00 hs.

Ferrol: Praza de España, ás 12.00  hs.

Lugo: Edificio Intercentros, ás 11.30, e na Horta do Seminario, ás 12.00 hs.

Moaña: diante do edificio do Concello, ás 1200 hs.

Noia: Diante do IES Virxe do Mar, ás 12 .00 hs.

Ourense: Rúa do Concello, ás 12.00 hs.

Ponteareas: Rúa Feliciano Barrera, ás 12.00 hs.

Pontedeume: porta do I.E.S. Breamo, ás 10.00 hs.

Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 1200 hs.

Ribadeo: diante do IES de Ribadeo, ás 12.00 hs.

Ribeira: diante da estación de autobuses, ás 12.00 hs.

Santiago de Compostela: Alameda, ás 12.00 hs.

Sarria: Praza da Vila, ás 12.00 hs.

Verín: Avda. de Portugal-Diante IES Xesús Taboada Chivite, ás 12.00 hs.

Vigo: Praza América, ás 12.00 hs.

Vilagarcía: Praza de Galiza, ás 12.00 hs.

Vilalba: Praza da Constitución, ás 12.00 hs.

Manifesto:

En pé por un ensino público e galego!

Nos últimos anos estamos asistindo a un maior endurecemento das condicións de vida das camadas populares galegas. Isto reflíctese tamén, como non podía ser doutro xeito, no ámbito educativo. Así, son innumerábeis os recortes e reformas impostas á educación pública (recorte e supresión de bolsas, suba das taxas universitarias, redución nos comedores públicos, minimización do limite de prazas, etc.) sobre o pretexto dunha crise económica, en que, "paradoxalmente", aumentan as gañancias das grandes elites económicas e invístese diñeiro público en rescatar bancos ou manter iniciativas privadas ao tempo que se nos di que temos que "apertar o cinto" e aceptar os recortes. Uns exemplos disto serían a recente eliminación das bolsas Erasmus a quen é receptor das MEC; estas últimas foron unha desagradábel sorpresa para as universitarias onte, xa que moita xente viu negadas as súas solicitudes ou concedidas nunha medida moito inferior á que deberían.

A famosa lei de Wert ou lei LOMCE pretende profundar e impor pola vía da legalidade este desmantelamento programado da educación pública ao tempo que implementa unha campaña españolizadora e uniformizadora que perpetúe esa cárcere de pobos que é España. Así, vemos como na contrarreforma educativa, a nosa lingua é relegada a un plano moi secundario e a nosa realidade nacional fica fóra de todo o programa educativo, centralizando os temarios a nivel estatal e intrometéndose nas xa de por si pequenas competencias en materia educativa da Xunta de Galiza.

Mais a LOMCE non só impide o aceso a unha educación de calidade para todas e todos, nin só anula os xa exiguos dereitos culturais e lingüísticos da Galiza, tamén reforza un programa ideolóxico sustentado na sumisión da muller ao home ao dar maior importancia á relixión católica na educación e ao aumentar o número de profesoras nesta cadeira; e promove as asimetrías entre os xéneros ao financiar con diñeiro público os centros que segregan por sexo. Ademais de relixión, xa están deseñados os bosquexos do conxunto de cadeiras que van compor o ensino nos próximos anos, todas elas de marcado carácter retrógrada e promotor do capitalismo extremo e da mercantilización das mozas, como é o exemplo de "Iniciativas Emprendedoras".

Ante todos estes ataques o estudantado galego sempre sabe estar á altura, como se demostrou na folga do 24 de outubro, que obtivo un apoio masivo, baleirando case a totalidade de aulas do País e enchendo as rúas con masivas manifestacións. A esta demostración de forza respondeu o Estado coa fórmula á que xa nos teñen acostumadas: con feroz represión, como se puido ver os pasados 20 e 21 de novembro en Vigo, onde a policía prendeu e mallou nas estudantes que se manifestaban en contra da LOMCE.

Por todo isto achamos que é o estudantado da esquerda nacionalista quen ten que tomar a iniciativa e continuar coas dinámicas mobilizadoras, combatendo a quen quere privar á clase traballadora e ás mulleres de acceder á educación de calidade e plantando cara a quen nos pretende asimilar como pobo.

Desde AGIR, Comités e a Liga Estudantil Galega queremos agradecer ao conxunto da Plataforma Galega em Defensa do Ensino Público o seu apoio e axuda contra esta frente común que son este tipo de políticas ditatoriais. 

Contra o españolismo, a privatización e o patriarcado no ensino, loita estudantil!

Fonte: http://www.galizacig.com/ 

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.

4 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público é unha montaxe do BNG

Susete Ferrol dijo...

Que existan dúas correntes reivindicativas con distinta identidade, non debía ser un condicionante para poder camiñar xuntos e dar unha resposta en común. Pero para que se dea ese clima necesario para a cohabitación, pasa por respectar os que teñen unha opinión distinta.


En vez de desprestixiar ou deslexitimar esta loita digna, veña de quen veña, debiamos pedir unidade de loita.



Saúde

Anónimo dijo...

A fin de este tenderete do BNG o mesmo que o tenderete dos alcaldes contra o repago hospitalario so ten un obxectivo: DIVIDIR AS LOITAS