Hoxe por parte dos colectivos integrantes do CCE foron rexistradas as Alegacións en contra do Proxecto de Dragado da Canle da Ría presentado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-S.Cibrao.
Podemos resumir as alegacións presentadas nos seguintes pontos:
1) A xustificación do proxecto de dragado é falsa, pois os únicos barcos que teñen dificultade para a navegación pola ría, mesmo incumprindo as normativas vixentes, son os que teñen como finalidade abastecer de Gas Natural Licuado á planta de Regasificación de REGANOSA. O resto leva máis de 30 anos realizándoa sen problemas. Mesmo agora con máis facilidade e menos perigo para a poboación, utilizando o porto exterior. Os que entran no interior da ría para reparar, o fan en condicións de "lastre",e os da Armada teñen dimensións adecuadas para facelo sen problemas.
2) Aínda realizando o proxecto de dragado tal e como se prantexa, as dimensións dos gaseiros que se constrúen na actualidade e que xa arriban a outras plantas regasificadoras do estado, non poderían entrar igualmente na ría, polo que se condenaría á poboación a aumentar o risco de accidente por ter que abastecerse REGANOSA cos gaseiros máis vellos.
3) Os datos reflectidos nos estudos do CEDEX "Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas" nos que se apoia o proxecto e o Estudo de Impacto Ambiental, limitan as características e condicións de entrada de gaseiros con destino a REGANOSA, e falan do impacto das condicións das mareas e as dimensións da ría nesas maniobras. Atendendo a eses informes, non só non se mantén o proxecto presentado que se intenta xustificar neles, senon que estaríamos falando dun proxecto cun volume de dragado de cantidades e dimensións moi superiores ao presentado.
4) Existe unha grande desviación entre o exposto en canto necesidades e cantidades de material e espazo a dragar, e o orzamento presentado.
5) É improbábel como se reflicte no proxecto que os materiais arrincados na ría de Ferrol podan ser desprazados á ría de A Coruña.
6) A zona a dragar ten a cualificación de LIC "zona de alto valor ecolóxico" pertencente á REDE NATURA, e polo tanto debe ser protexida.
7) Ningún proxecto de dragado pode equiparar as condicións que se cumpren noutras plantas regasificadoras en funcionamento, como son as de Sagunto, Cartagena, Barcelona, Huelva, Bilbao, ou as que se podan dar unha vez finalizada a construción da de Gijón, en canto a saída de gaseiros cargados con GNL no caso de accidente.
8) O orzamento presenta irregularidades tan manifestas como que o capítulo de "Varios" representa máis cuantía económica que o resto de capítulos destinados á obra en si mesma. Ademais este capítulo de varios non se desglosa en detalle como sucede co resto do orzamento.
9) Existen precedentes que demostran a irresponsabilidade dos distintos representantes destas administracións que promoven este proxecto de dragado, e que só perseguen intentar dar unha cobertura legal a unha instalación, REGANOSA, que só obtivo os permisos de construción e funcionamento, utilizando subterfuxios legais que, mesmo desmentindo o demostrado por varios estudos, argumentaban que non era necesario modificar a canle de navegación, cousa que pretenden facer agora con este proxecto, ocultando o seu verdadeiro propósito baixo o pretexto da necesidade doutro tipo de tráficos.
Ferrol a 16 de xullo de 2010
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio
No hay comentarios:
Publicar un comentario