26 sept 2010

UN DEREITO EN RISCO

Artigo de Yolanda Díaz no Diario de Ferrol
O 29 de setembro temos que exercer un dereito, un dereito constitucional, o dereito de folga, porque enfronte temos o meirande ataque contra os dereitos da clase traballadora dende a recuperación das liberdades. Por máis que berre a caverna dereitista contra ese dereito e contra o sindicalismo de clase, e por máis que diga que non vai rectificar un Goberno rendido ás imposicións do capital financeiro e especulativo, millóns de mulleres e homes do noso país imos exercer ese dereito. Ímolo exercer por nós e polos que non poden exercelo a causa das políticas neoliberais: os 5 millóns de traballadoras e traballadores en paro e os millóns que non podemos contar que son sobreexplotados na economía mergullada. Dereito que somentes vai ter un inimigo: a coacción patronal derivada do medo ás represalias aos máis de 5 millóns de traballadores con contrato temporal, contratos de quita e pon segundo lle pete ao patrón, e maila angustia das persoas que non queren perder o seu posto de traballo. A única liberdade en risco na xornada do 29 é a de ir á folga, e os piquetes informativos só van defender ese dereito. Ao Goberno do Estado só cabe desexarlle que esperte desa noite cega co capital e rectifique, que non faga bo o ditado dos deuses que, dende a antigüedade, cegan e ensoberbecen a aqueles que queren perder, para despeñalos polo precipicio das políticas de dereitas e da dereita. A Folga Xeral ten que ser un berro crítico multitudinario para que o Goberno RECTIFIQUE.
(*) Yolanda Díaz é portavoz de EU

Creative Commons LicenseThis obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio

No hay comentarios: