26 sept 2010

FOLGA, FOLGA... FOLGA XERAL

Artigo de Xosé María Dobarro no Diario de Ferrol
FOLGA, FOLGA... FOLGA XERAL
Para Constantino Trillo, in memoriam, que morreu triste e deprimido por acoso laboral

Contra o paro, contra o capital, folga, folga... folga xeral” berrabamos algúns “inxenuos” hai trinta anos cando nos estaban a desmantelar as industrias da comarca. E acudiamos, puntualmente, ás manifestacións que moitas veces finalizaban no desaparecido estadio do Inferniño. E as súas gradas estaban case –ou máis– cheas que cando xogaba o vello Racing. Naqueles tempos, xa un algo afastados, Tino Trillo era profesor nun instituto de Ferrol e militaba nun dos partidos comunistas escindidos do PC. Andaba sempre coas bandeiras republicanas nas costas e tiña un certo seguimento de xente nova. Tamén algunha de máis idade. Recordo que sempre se poñían na cola das manifestacións para entrar no estadio coas súas bandeiras, dar unha volta á pista de atletismo e subir á torre de maratón colocando a súa –a nosa– insignia. ¡Onde van eses tempos! Folgas xerais que nesa altura houbo que facer. Manifestacións continuas que a xente seguía. E case todas contra o PSOE, a besta negra ó servizo do capitalismo neoliberal. Non, como din os ligh, os supostos modernos, os que –segundo se di, que eu non o creo– chupan de todo aquí e acolá e os que se enriqueceron ilicitamente –eu tampouco o creo– nalgures e nallures. Saberano eles. E que vaian ó ceo libres de pecado. Tino Trillo, como tanta outra xente, acabou crendo neste persoal autodenominado socialista. E por esas andaba cando se lle botaron enriba. Naturalmente, a dereita fascistoide que padecemos. Supoño que actuarían correctamente, porque neste estado de dereito sempre todo se fai ben e acorde coa lexislación vixente. Se Tino vivise iría, con certeza absoluta, á folga do 29. Malia que tivese relación ou militancia no PSOE. Eu, aínda que ese día non teño docencia, tamén vou ir. E quero que me desconten a parte salarial correspondente, que, é moi posible vai ser unha cantidade importante. Máis ou menos 200 euros. Pero a violencia coa que nos está tratando este goberno ós traballadores, que vén sendo unha continuación da de Aznar, á súa vez seguidista da de Felipe González, e a connivencia co gran capital esixe que haxa que dar contestación, e firme e convincente. E, se for posible, moi maioritaria. Canto máis cedamos, máis nos van machacar. De plantarmos cara, se cadra, algo se pode parar. As eleccións municipais –e varias autonómicas– están á beira. Eles verán o que fan. Acabar nos brazos dun PNV que é a dereita pura e dura –amigos do BNG na Galeuscat, por certo– para aprobar uns orzamentos antisociais é grave. Moi pernicioso.
Síntome moi comprometido co proxecto da refundición da esquerda. Paréceme fundamental, pouco para min pero moito para meus fillos, meu neto, meus amigos e amigas máis novos e para a xente que está aí detrás de nós. E por iso o reproduzo:
“A asemblea comarcal de Ferrolterra manifesta o seu apoio á folga xeral convocada para o vindeiro 29 do presente mes polas confederacións sindicais de Comisisóns Obreiras a Unión Xeral de Traballadores e a Confederación Intersindical Galega. Esta asemblea defende a necesidade dunha folga xeral para deter a ofensiva do neoliberalismo que no Estado español e no conxunto da Unión Europea estase a traducir nos axustes económicos brutais inxustos socialmente e regresivos laboralmente.
O goberno español está a poñer o poder político ao servizo do capital poñendo en bandexa a posibilidade do desmantelamento completo do estado de benestar e das conquistas sociais derivadas da loita secular do movemento obreiro. Un estado de benestar e unhas conquistas que, cos seus sistemas de educación e sanidade, pensións e protección social, salarios mínimos e dereitos sociolaborais básicos, implican unha certa redistribución da renda exercida polo Estado que, de non facerse, contriburía a aumentar o proceso de acumulación de capital. Eis o que se pretende: nin máis nin menos que esa porción de renda sexa trensferida ás mans do capital.
Ante esta situación a asemblea comarcal de Ferrolterra de Refundando a Esquerda fai un chamamento á participación na folga xeral e convoca a facer un esforzo a prol da unidade sindical”.
(*) Xosé María Dobarro é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña

Creative Commons LicenseThis obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio

No hay comentarios: