Desde a chamada á mobilización, por parte dos sindicatos, do 29 de Setembro, puidemos vivir en todo o Estado, un novo comezo na andaina dunha maquinaria que levaba ben de tempo durmida, a do Movemento Obreiro. As que deben ser as súas principais rodas, os sindicatos, desinfladas até entón, comezaron a cobrar forza debido a que o seu motor, os obreiros , non tiñan ganas, nin podían, estar calados por máis tempo. O engrase que durou todo o verán deu alas a pensar de que algo bo pode saír desta crise do capitalismo. A unión entre a clase traballadora , máis necesaria que nunca , quedou demostrada nunha folga xeral que calou moitas bocas, cando as condicións nas que estaban os sindicatos, a moitos, facían pensar que podía ser o vento que tumbase definitivamente ós xigantes históricos CCOO e UXT. A clase traballadora e os movementos sociais progresistas, na súa inmensa maioría, apoiaron a éstes, a pesar das críticas que puideron acumularse cara eles ao longo duns anos nos que os sindicatos parecían cumprir con funcións non propias deles e a distancia entre eles e os traballadores nunca fóra tan grande. A principal función duns sindicatos debe ser a defensa e a promoción social da clase traballadora e a ninguén se lle debe esquecer, goberne quen goberne. Dende os movementos sociais saímos en defensa e apoio aos sindicatos porque sabemos que sen eles perderíamos o principal baluarte da unión obreira; defendémolos dunha dereita rancia que fala sen complexos de afundilos; defendémolos porque nesta loita que está a comezar o capital está ben armado co control dos medios de comunicación e cos partidos social demócratas ben agarradiños por parte de organismos totalmente posicionados como poden ser o Fondo Monetario Internacional;
| defendémolos, porque eles son os que nos teñen que defender a nós. Namentres, o noso goberno, que se autodefine de esquerdas, cede ás presións e toma medidas neoliberais que non fan máis que cargar contra a clase traballadora. Reforma laboral, reforma das pensións, alongamento da idade de xubilación… son medidas ás que non nos debemos someter e que sabemos que se cedemos nesta ocasión, vai ser realmente difícil recobrar estes dereitos gañados con tanto esforzo e sacrificio. A Historia demostra que o avance do pobos e dos seus dereitos lógranse a partires dunha continua loita entre as clases dominantes e a cidadanía. É momento de tensar a corda e darlle a volta a unha situación que para moitos xa cobrou tintes dramáticos. A xaneiro do 2011 esiximos aos nosos interlocutores, os sindicatos, que non renuncien a máis mobilizacións, que se apresuren a convocar unha nova FOLGA XERAL que faga que os diferentes movementos sociais progresistas se xunten e continúen nunha loita que vai ser longa e máis que dura para manter uns dereitos e recobrar o poder que desde fai tempo perdeu a cidadanía. As bases pedimos ás cabezas sindicais que promovan unha folga xeral e que SEXAN MOBIZACIÓNS UNITARIAS, pois se traballadores e traballadoras somos todos: non debemos perder a nosa forza separados. Tamén dicir, que confiando nos sindicatos para articular esta loita, os movementos sociais e movementos progresistas debemos articular con maior precisión a nosa forza. Debemos xuntarnos, expresarnos e organizarnos. A Esquerda debe buscar os puntos en común onde atoparse e non perderse en guerras internas que non nos levan a ningunha parte.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario