26 jun 2012

O XOVES 28, FOLGA XERAL COMARCAL

FAGO UN CHAMAMENTO A TÓDOL@S COMPAÑEIR@S, TRABALLADORES/AS E DESEMPREGAD@S PARA QUE ESTA XORNADA DE LOITA SEXA UN ÉXITO, E TAMÉN PARA ESIXIR A CC.OO E UXT DE FERROL QUE PEGUEN ESE "ZAPATAZO" NA MESA CONTRA OS DITADOS MÉNDEZ-TOXO

Xornada de loita en Ferrol o 28 de xuño na defensa da comarca porque “sen traballo, non hai presente nin futuro”

A CIG ten convocada folga de 09:00 a 15:00 horas con marchas de traballadores/as, asembleas e manifestación central ás 12:30 dende o Inferniño.

“Pola comarca. Sen traballo, nin presente, nin futuro”, é a consigna baixo a que se desenvolverá a xornada de folga xeral parcial convocada pola CIG de Ferrol para este xoves 28 de xuño. A xornada de loita realizarase entre as 09:00 horas e as 15:00 horas e afectará a todas as actividades desenvolvidas polos/as traballadores/as de empresas privadas e polos empregados/as do sector público dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, San Sadurniño, As Somozas, Cedeira, As Pontes, Pontedeume, A Capela, Ares, Mugardos, Cabana, Moeche, Cerdido, Monfero, Miño, Mañon, Vilarmaior, Valdoviño, Neda, Ortigueira e Cariño.

A xornada de loita terá como eixo visíbel central a manifestación convocada para ás 12:30 horas, dende o Inferniño. Porén, previamente haberá marchas de traballadores e traballadoras dende os principais polígonos industrias e centros de traballo para visibilizar nas rúas as reivindicacións da central sindical e animar a toda a cidadanía á participar da mobilización. Estas marchas están organizadas en tres itinerarios principais que confluíran no Inferniño antes da saída da manifestación:

Itinerario 1:
- 09:30 horas no Concello de Fene (sumaríase a xente procedente de Vilar do Colo).
-10:00 horas paso por San Valentín, diante de Navantia.
-11:00 horas na rotonda do Alcampo. Asemblea

Itinerario 2:
- 09:30 horas saída do Polígono das Lagoas
- 10:00 horas no Concello de Narón
- 11:00 horas na Rotonda de Alcampo. Asemblea

Itinerario 3:
- 09:15 horas saído do Polígono Río do Pozo.
- 10:00 horas en Leixa (diante da Residencia Arquitecto Marcide). Asemblea.
Situación de crise en todos os sectores produtivos

Dende a CIG de Ferrol sinalan que sobran os motivos para participar nesta xornada de loita, xa que, as graves consecuencias que a conxuntura económica e social actual ten contra os intereses da maioría social, esta situación vese incrementada na comarca porque “dende hai máis de 25 anos véñense tomando decisións políticas lesivas para os nosos sectores estratéxicos”.

A comarca de Ferrolterra rexistra xa máis de 20.000 desempregados e desempregadas -cifra que prosegue en aumento-; ao tempo que avanzan os peches de empresas, os concursos de acredores ou os procesos de regulación de emprego. De feito, a central sindical calcula que o 80% das empresas instaladas na comarca xa sufriron algunha destas situacións. Fronte a iso, a CIG reclama “a necesidade imperiosa de poñer en marcha políticas activas de emprego e inversión pública nesta comarca”.

Aos peches de empresas e regulacións de emprego hai que engadir a gravísima crise que atravesan sectores estratéxicos para a economía da comarca. Tal é o caso do naval, sen carga de traballo, sen garantías por parte do Goberno do PP de que se construirá o novo dique flotante e coa lousa do veto político á construción naval civil. “De non darse unha solución urxente, as consecuencias serán incalculábeis e irreversíbeis para todos os sectores: comercio, hostalería, etc. estamos a falar de 4.500 empregos directos, e todos os que se xeran de xeito indirecto”.

Do mesmo xeito, os sectores primarios padecen unha situación de esmorecemento continuo , tanto no agro como no mar. O primeiro en proceso de desaparición –parello ao despoboamento do rural- e a ría –destacada fonte de traballo- cada día está máis degradada para a pesca e o marisqueo. A este panorama súmanse a supresión e privatización de servizos públicos esenciais, como a sanidade, o ensino ou os servizos sociais.

Así o advirte a CIG de Ferrol nos dípticos que durante estas últimas semanas distribuíu nos centros de traballo e nas rúas para animar á participar da xornada de loita e concienciar da necesidade de seguir na resposta social como única vía para conseguir un cambio de políticas e avanzar cara a un novo modelo económico e social.

Creative Commons LicenseThis obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio

No hay comentarios: