8 jul. 2012

ESQUERDA UNIDA VAI LEVAR O ESCÁNDALO REGANOSA Á FISCALÍA ANTICORRUPCIÓN DO ESTADO

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA TRASLADOU A EU O CONXUNTO DE NOVIDADES E TRABALLOS REALIZADOS PARA DESENMASCARAR O ESCÁNDALO REGANOSA

O CONSELLO COMARCAL DE EU PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN NOS DIFERENTES CONCELLOS PARA RECLAMAR O CUMPRIMENTO DA SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO E A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

Logo da xuntanza mantida onte a instancias do Comité Cidadán de Emerxencia cunha delegación de EU encabezada polo deputado no Congreso, José Luis Centella, acadouse o compromiso de que Esquerda Unida desenvolverá os trámites pertinentes no Congreso dos Deputados para levar o escándalo Reganosa á Fiscalía Anticorrupción do Estado, para que esta tome cartas nun asunto que ameaza a seguridade de todas e todos nós e a riqueza natural da ría.

Asunto Reganosa que trenza ilegalidades manifestas, caso da recente sentenza firme do Tribunal Supremo, unha morea de incumprimentos de normativas de seguridade e de carácter ambiental, e unha paradigmática maridaxe entre o poder económico e os obedientes poderes políticos, que chegou ao extremo de asinar un acordo secreto polo que a Xunta de Galicia se obriga a subvencionar as necesidades da planta, si ou si, nunha das actuacións máis escandalosas do que fora ministro da ditadura, Manuel Fraga. A sentenza firme do Supremo deixa en evidencia as connivencias entre poderes públicos e negociadores económicos, e o fai ao afirmar a nulidade da modificación puntual do plan de Mugardos, feita para cohonestar un negocio privado. Nulidade que arrastra ao conxunto de actuacións subseguintes para pór en funcionamento da devandita planta de gas.

A reunión de traballo (na que se pasou repaso aos últimos feitos e traballos realizados) celebrada onte no local veciñal de Esteiro, puxo de manifesto a determinación das máis de 60 entidades sociais agrupadas no Comité para continuar unha loita de máis de 10 anos e que non deixa de arroxar esperanza sobre a súa resolución final, como está a pór de manifesto os reiterados pronunciamentos dos tribunais de xustiza. Esquerda Unida vai axudar, no eido institucional, en todo o posible para denunciar e reclamar unha solución de xustiza, que pasa polo peche, dunha planta innecesaria e perigosa, no interior da ría.

O Consello comarcal de EU vai presentar neste mes, aos plenos ordinarios dos concellos da comarca, unha moción que obrigue aos poderes públicos a se pronunciar diante da flagrante ilegalidade na que se atopa a planta logo da sentenza firme do Tribunal Supremo. Moción que vai reclamar dos poderes públicos a creación dunha comisión de investigación que clarexe e depure responsabilidades na morea de irregularidades, ilegalidades e connivencias espurias entre os poderes económicos e os políticos. Na moción se quere chamar a atención sobre o dispendio de cartos públicos ( máis de cen mil euros en costas procesais ) derivados da retirada do concello de Ferrol do recurso que agora se vén de gañar no Tribunal Supremo. Gasto de cartos públicos que adquire máis relevancia se cabe no actual momento de crise social e recesión económica.

O Comité Cidadán de Emerxencia e EU afirmaron a súa decisión de manter ate o final a máis estreita colaboración para gañar seguridade e vida para nosa veciñanza e a nosa ría, para derrotar o escándalo Reganosa.



Nombre del blog
Creative Commons LicenseThis obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.Wikio

No hay comentarios: