25 sept 2012

Paralizado provisionalmente o desafiuzamento en Caranza

A "Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra" concentrouse na mañá de hoxe ante a oficina do BBVA da Praza do Callao en protesta polo anuncio de desafiuzamento a Pilar e Manuel (68 e 64 anos de idade) veciños do barrio de Caranza, que ían ser desafiuzados da súa vivenda o vindeiro 28 de setembro, despois de sufrir unha ESTAFA por parte do BBVA.

Onte, día 24 de setembro producíronse novidades no caso. Pola mañá Rafael Pillado e Suso Díaz foron á oficina do BBVA do Callao para expoñer o asunto ao director da sucursal bancaria, este escoitou con atención as explicacións e comprometeuse a estudar o expediente que considerou que era un "asunto herdado".

Xa pola tarde recibiuse por parte da entidade financeira a nova, de que accedían a postergar o desaloxo e estudar unha serie de alternativas que evitasen o desafiuzamento desta familia. Esta acción foi confirmada polo avogado de Manuel e Pilar, que informou da paralización provisional do lanzamento e a proposta da entidade.

En vista deste movemento por parte da entidade financeira, decidiuse seguir coa convocatoria feita e informar alí mesmo aos presentes da nova situación.

A concentración convocada para o próximo día 28 de setembro, queda provisionalmente desconvocada. Fixouse unha nova convocatoria para o venres, 5 de outubro, no local da Asociación Fuco Buxán (Rúa Armada Española, nº 32) para avaliar a nova situación e estudar posibles medidas que teñamos que emprender para por fin a esta ESTAFA do BBVA.


Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio

No hay comentarios: