24 oct 2012

"129 PROTESTA LEXÍTIMA"

O "Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol", realizou no día de hoxe a súa "129 Protesta Lexítima" contra a ubicación da planta de gas, e contra a navegación de gaseiros cargados con GNL no interior da Ría de Ferrol. 

Así como se exixe a Xunta de Galicia que cumpra a sentenza do Tribunal Supremo que di que Reganosa está operando IL€GALM€NTE na Ría de Ferrol.

O GRUPO MUNICIPAL DE EU DENUNCIA A COMPLICIDADE DO MINISTERIO DE INDUSTRIA COA PLANTA DE GAS DE REGANOSA 

“O GOBERNO DEIXA FACER A REGANOSA E PON EN RISCO A VIDA DE TODAS E TODOS NÓS”, SINALA JAVIER GALÁN 


EU ESTÁ A TENTAR CONQUERIR OS APOIOS PARLAMENTARIOS SUFICIENTES PARA FORZAR UNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN NO CONGRESO 


O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere dar a coñecer de maneira pública a última das respostas dadas polo Goberno Central encol do escándalo Reganosa. Resposta que pon en evidencia a complicidade e subordinación que o ministerio expresa en relación cos intereses dun grupo empresarial privado que incumpre de xeito flagrante a propia legalidade vixente. 

Javier Galán cualifica como complicidade a dun goberno que deixa facer a Reganosa e con elo pon en risco a vida e seguridade de todas e todos nós, e a riqueza da nosa ría, que se atopa nunha situación desacougante co atraso dos investimentos necesarios para acadar o seu saneamento. 

José Luis Centella, deputado de IU, rexistrara unha pregunta parlamentaria o 14 de xuño deste ano encol dos efectos que ía ter no Ministerio a sentenza firme do Tribunal Supremo declarando a nulidade da modificación puntual do plan xeral de Mugardos, a coartada empregada noutrora para permitir a instalación da planta de gas no interior da ría. 

Agora ben, o Goberno do Estado confirma no último parágrafo da resposta de 9 de outubro ao noso grupo parlamentario no Congreso – escudándose en que se atopaba en estado de tramitación outra proposta de modificación puntual - que no adoptará medida ningunha para velar pola legalidade. Trátase de aplicar unha versión descarnada do deixar facer da economía liberal sobre as vidas da cidadanía de Ferrolterra e sobre a riqueza natural da ría, poboación e ría que restan reducidas a meros elementos económicos de usar e tirar.

Esquerda Unida segue a traballar no Congreso para conquerir a apertura dunha comisión de investigación que permita clarexar e perseguir o complezo de ilegalidades e irregularidades que percorren a instalación e posta en funcionamento da planta de gas de Reganosa. Imos a continuar na rúa e no Congreso un traballo constante de fiscalización das irregularidade e ilegalidades desta planta de gas.

Para ler o documento da resposta premer aquí


Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio

No hay comentarios: