26 oct 2012

Paralización dun desafiuzamento nas vivendas Sindicais en Ferrol

A Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra logrou parar outro desafiuzamento que se ía producir hoxe en Ferrol, esta vez a presión exercida na administración deu os seus froitos, o Concello de Ferrol faise cargo da débeda contraída, e paga tres meses de aluguer, prorrogables por outros tres máis.

A parella que ía ser botada da súa casa ten unha nena de 8 anos, esta padece unha enfermidade moi grave, está enferma dun ril, e require dun tratamento médico que os seus pais a duras penas poden custear. A parella na actualidade percibe de servizos sociais a mísera cantidade duns 180 euros, o que lles imposibilita facer fronte o pagamento do aluguer.

O propietario da vivenda deu bastantes oportunidades a esta familia, mesmo chegou a acompañalos a facer xestións administrativas que puidesen dar cunha solución ao problema, neste caso para esta persoa eran tres problemas acumulados, pois ademais de non percibir o diñeiro do aluguer se encontra en situación de desemprego, á parte de ser unha persoa que lle afectaba a situación dos seus inquilinos. 

A nota curiosa protagonizárona como sempre as administracións, malia estar adoptada esta decisión de colaborar por parte do Concello de Ferrol, esta non foi notificada aos xulgados, e á hora prevista aparecía un funcionario xudicial acompañado de dúas patrullas da policía nacional. 

Unha vez emendado este erro por parte da avogada do propietario da vivenda, procedeuse a explicar aos medios alí presentes como fora a resolución provisional para esta familia. Interviñeron, Xesús Díaz, que foi o que se currou todo o papelame e fixo a maior parte de xestións, explicando a resolución e tódolos matices burocráticos, Rafael Pillado falou da necesidade de activación social de toda a cidadanía, e a continuación tomou a palabra Inácio Oreo, que foi o que puxo as cousas no seu sitio; "Malia estar paralizado este desafiuzamento non nos enganemos, isto non é máis que un parche, o Estado ten que poñer en funcionamento unha Renda Básica de Subsistencia, e a administración local e autonómica poñer en marcha o parque de vivendas sociais que teñen no seu poder baleiras". Esta última intervención foi amplamente ovacionada  por tódol@s presentes. 

Quero dar as grazas en nome da familia afectada, a tódol@s cidadáns que se solidarizaron con eles, así como a ANOVA,BNG, EU, CIG, CC.OO, e en especial á Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, conformadas por diversas asociacións da cidade.




Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio

No hay comentarios: