23 nov 2013

A Concelleira de Malestar-social, Rosa M. Beceiro, camufla a súa incapacidade mentindo na prensa

CAMPAÑA DE ACOSO E DESPRESTIXIO CONTRA A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE ESTEIRO

Desde a Asociación Veciñal de Esteiro queremos DENUCIAR o que consideramos unha campaña de persecución e desprestixio, orquestrada pola Concelleira de Servizos Sociais, Dona Rosa Martínez Beceiro utilizando como pretexto o Comedor Social Público de Esteiro.

Este ano á nosa entidade lle foi retirado o Taller de Memoria, xa no pasado ano fora reducido á metade e foi suplido con financiamento propio, que subvencionaba dita Concellería, a pesar de que era no que máis xente participaba e de que existía demanda para a súa continuidade. O Taller de Memoria se continúa impartido este ano con fondos propios.

Con respecto ao Comedor Social de Esteiro queremos dicir que foi unha decisión dun Goberno Municipal, o anterior, o que atendendo as demandas nosas e da veciñanza de Esteiro TOMOU A DECISIÓN de que fose no local da AV de Esteiro, que é un LOCAL MUNICIPAL e por tanto público, onde se fose instalar dita infraestrutura.

Fixéronse, no anterior mandato, obras no local ( pintado, alumeado, etc) mercouse un lavalouzas, forno microondas, cadeiras, mesas e un moble mostrador,(onde se garda a louza, cubertería, cristalería, manteis, panos de mesa, fontes , etc) . Ese mostrador forma parte do Comedor Social e non é para montar un bar como Dona Rosa Martínez se atreveu a afirmar, seguramente por descoñecemento e desinterese, nunha Comisión de Servizos Sociais ( está recollido na acta).

Lembramos que cando se unificaron as dúas entidades veciñais de Esteiro o bar que había nunha delas , desapareceu para que se puidese montar nese espazo o Comedor Social. Por eso a AV de Esteiro non só non quere montar un bar, como día Dona Rosa Martínez, senón que desfixo o que había.

Na obra do Comedor Social, do anterior Goberno Municipal, quedou pendente adaptar a entrada ao Local da AV de Esteiro, botar tarima flotante no solo e facer obra de adaptación, para persoas con discapacidade, dun baño, quedando unha partida orzamentada para ese menester.

Coa chegada de Dona Rosa Martínez Beceiro á Concellería de Servizos Sociais o interese polo Comedor Social de Esteiro caeu en picado. Non se puxo a funcionar a finais do 2011, tampouco no 2012 e parece que tampouco vai funcionar no 2013. Na Asemblea de Barrio celebrada hai máis de ano e medio no Salón de Actos da Universidade, non se volveu a celebrar ningunha outra malia que tiña que haber catro cada ano, as dúas propostas máis votadas foron:

A Escola Infantil Pública de Esteiro e o Comedor Social.

Desde esta Asociación demandamos reiteradamente a posta en funcionamento do Comedor Social e foi a presión social a que levou a que este ano, no mes de setembro, se fixesen as obras de adaptación da entrada ao noso local, pero xa se reduciu a capacidade do Comedor Social de 40 persoas a 30 persoas, e non se botou a tarima flotante no chan nin se cambiou unha fiestra que produce humidades e friaxe. Malia todo o local está en condicións de que se poida poñer a funcionar xa.

O mes pasado, o día 15 de outubro, o Alcalde acompañado da Concelleira de Barrio e do Concelleiro de Obras e Servizos, visitaron o local da AV de Esteiro, para ver o espazo e as obras onde ía funcionar o Comedor Social, asumindo que era necesario cambiar a fiestra, como nós demandabamos, e comprometéndose a trasladarlle esa necesidade á Concelleira de Servizos Sociais. Ao día seguinte os medios de comunicación recollen que se abre o prazo para inscribirse no Comedor Social de Esteiro.

A partir dese momento e , sen dirixirse nunca directamente á AV de Esteiro, comeza unha campaña contra nós de desprestixio e de persecución , nos medios de comunicación, por parte de Dona Rosa Martínez.

Nos acusa de non colaborar cando, desde o mes de maio non se puxo nunca en contacto con nós, nin para dicirnos cando empezaban as obras, nin para dicirnos cando se abría o prazo de inscrición, nin nos facilitou os impresos de inscrición, nin as condicións para ter acceso ás prazas, nin sequera veu nunca ao noso local para ver como ían as obras e como as remataron (a pesar de que lle trasladamos que tiñan deficiencias, como o Alcalde puido comprobar), como se pode ver total falta de interese e desidia absoluta.

Na citada Comisión de Servizos Sociais xa ameazou que “se lle daba a gaña non poñía a funcionar o Comedor de Esteiro ou o poñía noutro sitio. E parece que eso é o que vai facer segundo anuncia no día de hoxe aos medios de comunicación. Pode alguén crer que oito persoas lle manifesta a Dona Rosa Martínez, que queren inscribirse no Comedor de Esteiro, pero que non queren ir ao local da AV de Esterio, que é un LOCAL MUNICIPAL?

A Asociación Veciñal de Esteiro, como o Concello non o facía, fixemos unha campaña informativa de que o prazo para inscribirse no Comedor Social de Esteiro estaba aberto: Notas de prensa, comunicación a todos os socios e a todas as sociais, 300 cartaces en todo o Barrio e tamén contamos coa colaboración da AHOBE que o puxo nos seus locais, e eses cartaces os distribuímos a todas as entidades veciñais de Ferrol, cousa que non fixo a Concellería de Servizos Sociais. Tamén fixemos obras complementarias do Comedor Social que nos supuxeron un gasto de 1500 euros, que pagamos nós.

Esa campaña comeza a dar os seus froitos, durante toda esta semana viñeron persoas a buscar as follas de inscrición á nosa entidade e nos próximos días, unha vez cumprimentados todos os requisitos, os entregarán no Concello. Ningunha desas persoas manifestou rexeitamento ao Comedor no Local da AV de Esteiro.

Por eso DENUNCIAMOS que é unha campaña de desprestixio e de persecución a que a Concelleira de Servizos Sociais ten emprendida contra a nosa entidade.

Estamos seguros que vai facer o posible por que o Comedor Social non se instale no noso local e que os cartos que o Concello leva gastado, non terán a utilidade para o que foron investidos. Señora Concelleira, diga abertamente onde quere montar o Comedor Social e canto pensa gastar para adaptar o novo local ?.

Vai ser nun local Municipal ou nun local privado? .

Se neste momento non hai o número de persoas inscritas, e pola falla de interese da Concelleira de Servizos Sociais e pola súa incapacidade, na Asociación Veciñal de Esteiro asumimos os erros que cometemos cada día no noso traballo, pero non toleramos que se nos queira trasladar unha culpa que só é de Dona Rosa Martínez Beceiro.

DEMANDAMOS do Alcalde de Ferrol que poña a funcionar de xeito inmediato o Comedor Social de Esteiro e que desautorice o comportamento, para coa AV de Esteiro, da Concelleira de Servizos Sociais, que leva desde o mes de maio sen falar coa nosa entidade, nunca campaña de persecución que non entendemos , nin pensamos que a nosa entidade, nin ningunha outra, mereza .

Na Asociación Veciñal de Esteiro estamos dispostos a reunirnos con calquera concelleiro/a e con calquera grupo municipal para calquera tema que resulte beneficioso para o Barrio de Esteiro. Na nosa entidade e en todas as entidades de Ferrol o traballo das Xuntas Directivas é vocacional, desinteresado, altruísta e GRATUÍTO, nos podemos equivocar e de feito nos equivocamos, pero só nos move o interese polo noso Barrio e polas persoas que nel viven e traballan.

Non imos tolerar ningunha discriminación, persecución ou menosprezo de ningunha Administración Pública e se este se producira o DENUNCIAREMOS.

A nosa entidade é apartidista, non apolítica, e respecta a tódolos partidos políticos, sindicatos e asociación e RECLAMA o mesmo respecto para con nós.

Unha entidade que inviste 1.500 euros nun Comedor Social, cando a cota dos asociados/as é 1 euro mensual, para suplir a falla de investimento do Concello, está apostando e comprometéndose de xeito decido con esa infraestrutura pública.

Non entendemos nin está xustificada a persecución que a Concelleira de Servizos Sociais está a facer coa AV de Esteiro. Dona Rosa Martínez Beceiro poderá poñer o Comedor Social onde lle dea a gaña, como dixo na Comisión de Servizos Sociais, pero será unha decisión que non ten ningunha xustificación

Ferrol a 23 de novembro de 2013.

Xunta Directiva da AV de Esteiro

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.

No hay comentarios: