3 mar 2014

Xoves día 6 de marzo, ás 18:00 h. Concentración no Mercadona de Canido.

Baixo os lemas: "NON A REPRESIÓN SINDICAL EN MERCADONA", e "MERCADONA NON RESPECTA OS DEREITOS E A DIGNIDADE DAS PERSOAS". O xoves día 6 de Marzo terá lugar unha concentración as 18:00 no Mercadona de Canido en Ferrol.

Dende a constitución do comité de empresa de Mercadona na provincia da Coruña os delegados e delegadas que só pretendían realizar o seu labor sindical dentro das tendas de Mercadona foron conscientes de que exercer ese labor non ía ser tarefa doada. Así viuse xa nos primeiros pequenos conflitos debidos á decisión da dirección da empresa na provincia da Coruña de ignorar completamente ao comité como órgano de representación dos traballadores e traballadoras e posteriormente no importante conflito con esta mesma dirección motivado polo despedimento dun compañeiro afiliado a CC.OO. despois de participar na folga xeral na bisbarra de Ferrolterra. Os nosos delegados nunca encontraron un interlocutor disposto a escoitar as demandas dos traballadores e traballadoras, e moito menos negociala.

Os delegados e delegadas que foron capaces de soportar moi duros momentos e que, a pesar do cansazo, continuaron activos tratando de cumprir coas responsabilidades dos seus cargos foron castigados xa en demasiadas ocasións. Algúns dos castigos foron de índole económica. Así, nos últimos anos foi retirándoselles a chamada prima de beneficios, unha parte ben importante do salario. CC.OO. entende que se deriva de que a empresa pensa que estes empregados, debido ao seu labor sindical, xa non saben facer o seu traballo.

Claro exemplo disto que acabamos de dicir é o feito de que os sete delegados suspensos este ano son os únicos que quedan realmente activos dun comité de dezasete. Entre eles figura o presidente do comité de empresa, sindicalista militante, que por participar, como é o seu deber, en todas as protestas en defensa dos seus compañeiros e compañeiras e por ser testemuña dos seus compañeiros en tres xuízos durante o pasado ano, o día 31 de decembro, antes de ir a cear coa súa familia, comunicóuselle que ía ser o único traballador no seu centro de traballo que non ía cobrar o citado complemento salarial. É evidente que se trata dun castigo que pretende ser "exemplificante" para que, a poucos meses das eleccións sindicais en Mercadona, todos e todas as traballadoras da empresa tomen nota; supón, ademais, un intento de menoscabar a moral dunha persoa sempre combativa.

Petición de sinaturas on-line https://secure.avaaz.org/es/petition/Mercadona_Firmas_contra_la_represion_sindical_en_Mercadona/

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.

No hay comentarios: