7 ene 2015

75 Aniversario da fuxida no vapor Bou Ramón



Evasión do bou "Ramón" de Ares, por Eliseo Fernández

Foi á noitiña do 20 de xulio de 1939, tres anos despois de que o levantamento militar de 1936 rematara coa legalidade republicana na comarca. Xa había tempo que varios militantes obreiros de Ferrol, Narón, Ares e Mugardos agardaban por unha oportunidade para fuxir da queima. Para eles a situación era desesperada, pois levaban xa moito tempo agachados en casas de amigos ou familiares e os pelotóns de fusilamento ainda seguían traballando. Os refuxios improvisados nos faiados das casas, nas cuadras dos animais ou excavados no chan das habitacións foron unha boa solución por un tempo, pero pasar toda a vida neles era unha tortura casi peor que a morte. Foi por eso que varios fuxidos comezaron a comunicarse entre eles para ver de intentar a saída por mar. A oportunidade de facelo chegou da man dos irmaos Miguel e Antonio Leira Fernández, os "Chuchos da Vella", militantes socialistas que dende 1936 estaban agachados nunha casa do seu Ares natal. Un deles, Miguel, estableceu contacto cun vello amigo seu, tripulante do bou "Ramón", que saía a faenar dende o porto de Ares e, a partir dalí, comezaron a moverse os fíos para artellar a saída do maior número posible de militantes de esquerda da comarca.

Como de debaixo das pedras foron saíndo homes que agardaban unha oportunidade para fuxir. Por medio de familiares contáctouse con algúns deles agachados en Cervás: Juan Castro Vilar, Benito Feijoo Seguín (que fora alcalde socialista de Ares no período republicán), Gelfo Rebón e Antonio Saavedra Montero, tamén socialistas. Tamén avisouseu a cenetistas como Luis Abella Beade, Moisés Lago Lorenzo, de Ferrol, Rogelio Leal, de Piñeiros, ao socialista de Santa Mariña Domingo Serantes Sequeiro, e mesmo ao ex-alcalde socialista de Ferrol Antonio Santamaría López; Santamaría estivera agachado en casas de compañeiros seus dende que escapara do cuartel de Sánchez Aguilera, onde agardaba se cumprise a pena de morte á que estaba condenado.

Sen que as autoridades tiveran nin a máis mínima sospeita, os "escapados" foron concentrándose en Ares; os de Ferrol e Narón chegaran na noite anterior e durmiran nalgunhas casas da vila, mentres que outro grupo pasou a noite nas covas de Santa Mariña; a final, vintesete homes se xuntaran para xogarse o todo polo todo. Media ducia deles levaban improvisados uniformes da garda civil, escopetas de madeira, e algunha pistola auténtica. Cando a tripulación do "Ramón" estaba arranchando o barco para a saída, os "gardas" os abordaron pretextando que trataban de evitar unha fuxida; despois de encerrar aos tripulantes no rancho, foron chegando o resto dos asaltantes e, tras agardar á hora acostumada de saída, partiron do porto de Ares á unha da madrugada.

Dous días e medio despois de sair de Ares, o "Ramón" chegou ao porto francés de La Pallice, remolcado polo barco frances "Le Coubre", que o rescatara cando estaba á deriva, despois de esgotar o carbón e de queimar boa parte da cuberta no intento de manter a presión da caldeira. Cando os nosos protagonistas chegaron a Francia pensaban atopar a liberdade, sen embargo, foron conducidos ao campo de concentración de Argelés, un dos campos onde as autoridades francesas mantiñan a boa parte dos españois refuxiados ao remate da guerra civil.

A sorte daqueles arriscados viaxeiros foi ben diversa: Manuel Fernández García "Olmedo", de Mugardos, morreu no campo de concentración de Mauthausen; Gelfo Rebón foi dar a México, Santamaría a Estados Unidos, Juan Leal á Argentina, e Cipriano Casteleiro ao Uruguay; algúns foron extraditados a España e pasaron longas tempadas nas cárceres, como Domingo Serantes Sequeiro; outros, por fin, voltaron a tratar de organizar a resistencia clandestina na Galiza, como Manuel Gómez Varela "Fiera Brava", que morreu cando actuaba na guerrilla, ou Rogelio Leal López, que pasou varios anos na cadea de San Miguel de Los Reyes por tratar de reartellar a CNT na comarca. Algúns, por fin, remataron vivindo en Francia unha vez que rematou a II Guerra Mundial. Sen ter cometido ningún delito, todos aqueles fuxidos sufriron o desterro da súa terra e das súas familias. 

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.

No hay comentarios: