31 oct 2012

Sílvia está detida.

Os medios de comunicación, cómplices da represión, comezan a intoxicar; disque ela e Júlio son independentistas perigosos e acúsanos de terroristas. Non sei nada diso mais Sílvia, agora imos centrarnos nela, é unha nai. Ten unha crianza de oito meses que tamén pasou a noite no trullo porque, hoxe como sempre, @s fill@s das sospeitosas, deben pagar tamén... Para Sílvia non parece rexer o principio que desculpa as nais. 

Di a Declaración de Dereitos humanos, ese código burgués por excelencia, que a maternidade debe ser protexida. Mais a Sílvia quítanlle a súa crianza e mándana para a Audiencia mal chamada nacional. Onde está o permiso de aleitamento? Sempre me chamou a atención como as mulleres, cando se axustaren aos patróns da tribo, por exemplo sendo nais, son especialmente reprimidas. Se a maternidade se protexese, dentro dun ideario conservador as mulleres que tiveron grandes proles, ou as que quitaron a diante a súa descendencia con dificultade, serían heroínas populares e non é así nunca... Sílvia, para alén dos malos tratos que reciben tod@s @s pres@s, representa a vulnerabilidade feminina. Non sei que angustia viviría cando se viu detida e pensou no trato que podería estar a recibir o seu fillo noutra cela. Mais ese sentimento ponme da súa parte. 

Os informes anuais de Amnistía Internacional non din precisamente que as cadeas sexan lugares tranquilos. As institucións penitenciais son represivas, ademais de obsoletas por representaren un modelo caduco de vida social, un modelo ocupado na vixilancia e o castigo de quen non se axustar estritamente a unha legalidade imposta. Ese modelo non permite a convivencia de ideoloxías distintas e, asemade, medra na loita de clases, propaga a drogadicción e fomenta a demencia. Non podemos aceptar este tipo de xustiza. Sílvia, esa nai desprotexida, precisa realmente ser rehabilitada?

Mais quen pode crer xa que os cárceres sirvan para rehabilitar ninguén, se a maioría son almacéns perigosos, verdadeiros infernos superpoboados, ateigados de síndromes de abstinencia, carraxe social e desesperación! 

Sería ben que a sociedade galega defendese aos seus presos políticos porque alguén na cadea sen apoio do exterior está mort@. O cárcere está deseñado para neutralizar individuos potencialmente perigosos. 

As diferenzas ideolóxicas, económicas e sociais, transfórmanse en cuestións criminais e a xustiza social necesaria, feita de diálogo, desaparece para deixar paso á implacábel xustiza penal. Dito doutro xeito, os individuos que se converten nun problema para o sistema son tratados polos estados como se fosen dinamita. 

Unha sociedade libre e xusta é aquela onde ninguén é refugallo social; onde ningunha nai é separada da súa crianza. 

Teresa Moure Pereiro / Mestra da USC

Deixo tamén ligazón deste bo artigo da compañeira Lupe Cés  http://lupeces.blogspot.com.es/2012/10/silvia-arma-de-guerra.html

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio

1 comentario:

Dulce Anca dijo...

valiente escrito el cual apoyo